Sunday 08 de September de 2024

Peter Punk presentará o seu espectáculo Peor imposible este martes en San Valentín


No marco do ciclo Xullo, mes da Patria, a Concellería de Cultura anuncia para este martes, 9 de xullo, un espectáculo de clown, malabares e humor para todos os públicos. A función, comezará ás 21 horas na praza do CPS de San Valentín e correrá a cargo do coñecido clown Peter Punk. Entrada libre e de balde.

Peor imposible é o último espectáculo unipersoal do recoñecido pallaso Peter Punk, no que mantén a súa esencia e o humor irreverente co que acadou o éxito. E onde da mostra da súa veteranía e madurez, tras máis dunha década de traxectoria profesional.

Peter Punk non contaba con que as cousas sempre poden ir a peor. Na súa nova aventura, non lle queda outra que afrontar o seu fracaso. Pero está disposto a todo pola risa do público.

Unha catedral de nove paraugas en equilibrio, o salto ao baleiro dun voluntario a cegas, o perigoso Circuito da Morte, e un evocador final que sorprenderá ás máis cativas e cativos, e fará reflexionar ao público adulto.

Nesta ocasión veremos a un pallaso optimista, equilibrado e olímpico, que buscará a complicidade do público para superar as dificultades que atopará en cada rutina, como unha metáfora dos tempos que vivimos.

Organiza: Concellería de Cultura de Fene coa colaboración do CPS de San Valentín e Agadic (Xunta de Galicia)